Novas
TOUR DE SAN LUÍS: PACHECO, QUINTO NA PRIMEIRA ETAPA
O Xacobeo Galicia xa se asoma nas chegadas masivas
[ 19/01/2010 ] O Xacobeo Galicia asomou no sprint da primeira etapa do Tour de San Luís, coa que o equipo galego deu por iniciada a súa cuarta tempada no pelotón profesional. O seu home rápido, Francisco Pacheco, acabou quinto, mentres que a vitoria foi para Francesco Chicchi, lanzador oficial de Daniele Bennati no Liquigas, que nos seus ‘intres libres’ tamén sabe sacarlle proveito á súa punta de velocidade.

Francisco J. Pacheco
Aínda que de momento é só unha anécdota porque as dezanove formacións participantes atópanse igualadas a tempo, o Xacobeo Galicia foi segundo na clasificación por equipos nesta xornada, ao clasificar tamén décimo sexto a Rodrigo García e trixésimo primeiro a Marcos García. Os outros tres integrantes do equipo tamén cruzaban a meta no mesmo tempo do gañador. Na xeral, as bonificacións dan 10 segundos de vantaxe ao gañador da etapa sobre o groso do pelotón.
A primeira etapa do Tour de San Luís presentaba un percorrido chairo sobre 168,4 quilómetros, que se resolveu cun sprint disputado por 121 dos 136 ciclistas inscritos na presente edición da rolda arxentina. A noticia, desde o punto de vista do equipo Xacobeo Galicia é que conseguiu asomarse á vitoria nesta chegada masiva co seu velocista, Francisco Pacheco. Faceta na que o equipo galego non conseguiu alcanzar protagonismo nas tres tempadas anteriores, por carecer precisamente dun chegador.
A carreira resolveuse ao sprint despois de que o pelotón dese alcance ao arxentino Enmanuel Guevara, protagonista dunha longa fuga, anulada a pouco máis de quince quilómetros da meta.
Impresións de José A. Vidal
Para José Ángel Vidal, que asume a dirección deportiva do Xacobeo Galicia na rolda arxentina, foi "unha etapa tranquila na que se viron poucas cousas. Nós limitámonos a ir a roda, esperando poder explotar as nosas opcións no sprint final. Estivemos bastante cerca. Pacheco foi quinto, pero o máis importante é que se atopa contento de como se manexou na chegada. Era importante estar aí, para ir collendo confianza", declarou o técnico do equipo galego.
Ademais de ter que habituarse ao argot ciclista arxentino, cheo de trepadas, largadas e embalaxes, aos integrantes do equipo galego chámalles a atención a expectación que levanta a carreira entre a poboación da provincia de San Luís e as longas rectas nestas terras que marcan polo norte o comezo da Pampa. "Unha delas daría para atravesar toda Galicia", exemplifica Vidal, antes de referirse á segunda etapa.
"Penso que na segunda xornada xa se van a ver algunhas cousas máis, porque acaba nun porto de cinco ou seis quilómetros, que os ciclistas foron a ver o outro día adestrando e, segundo me dixeron, faise bastante pestosillo", engadiu finalmente.