Novas

FOI DÉCIMO QUINTO NO ‘MIRADOR DEL POTRERO’

O debutante José A. De Segovia obtén boa nota na montaña do Tour de San Luís

[ 20/01/2010 ] O debutante José Antonio de Segovia foi o mellor corredor do Xacobeo Galicia na segunda etapa do Tour de San Luís, ao cruzar a meta en décimo quinta posición, a 29 segundos do vencedor, Rafael Valls (Footon-Servetto), novo líder tamén da carreira. A liña de chegada nesta xornada situábase no Mirador del Potrero, un porto de primeira categoría, que conseguiu marcar as primeiras diferenzas na xeral, máis aló das que viñan establecendo a bonificacións.

José Antonio De Segovia

José Antonio De Segovia

O segundo corredor do Xacobeo Galicia en traspasar a recta de meta foi Gustavo Rodríguez, no posto corenta e cinco, a 2-05. Gradualmente foron entrando os catro ciclistas restantes da formación.

José Ángel Vidal
Para José Anxo Vidal, director deportivo do equipo galego, De Segovia estivo "nunha moi boa liña. Sufriu nos dous quilómetros finais, pero soubo agarrarse bastante ben ao grupo de cabeza, que se alargou un pouco no último quilómetro. É un bo contrarreloxista e o obxectivo era que perdese o menos tempo posible nesta subida".

Sobre o rendemento dos demais integrantes do equipo engadiu: "Algúns estiveron segundo o previsto e a outros, bos escaladores, atragantóuselles un pouco a subida, pero iso é totalmente normal. Trátase da primeira carreira da tempada e pasamos dun contraste de choivas e frío a outro de temperaturas por enriba dos trinta graos. O rendemento nesta etapa non ten tanto que ver co estado de forma como coa adaptación, así que nas dúas etapas de montaña que faltan podemos esperar máis deles".

José Antonio de Segovia
José Antonio de Segovia é un ciclista de 27 anos que debuta esta tempada como profesional. A súa traxectoria deportiva é bastante sorprendente, porque estivo centrada en exclusiva na bicicleta de montaña ata que hai dous anos se decidira a "pisar o asfalto". Os resultados foron tan prometedores no ciclismo na estrada que os técnicos do Xacobeo Galicia non dubidaron en darlle unha oportunidade.

O Tour de San Luís é a súa primeira carreira con licenza profesional e sobre a súa actuación na segunda etapa empezou dicindo: "De saída non ía con moi boas sensacións, aínda que aos poucos fun atopándome mellor. Nunha parte do percorrido ata tocou tirar porque se produciu un corte e non metemos a ninguén. Nada máis comezar o porto, o pelotón puxo un ritmo forte. A tres quilómetros de meta produciuse un ataque e eu intentei seguir ao meu ritmo, aferrándome ao mesmo tempo a cola dun grupo xa moi reducido".

A ofensiva final chegou no último quilómetro. "A falta de mil metros produciuse o ataque decisivo en busca da vitoria de etapa. Eu seguín ao meu ritmo, pensando só en perder o menos tempo posible, porque na cuarta etapa hai unha contrarreloxo e aí quixese avanzar tanto como me sexa posible na clasificación xeral", segue explicando o ciclista do Xacobeo Galicia, ilusionado coa oportunidade que lle poida brindar ese percorrido cronometrado de dezanove quilómetros.

Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?