Novas

TOUR DE SAN LUÍS: TERCEIRA ETAPA

Francisco J. Pacheco foi décimo no sprint que gañou Alberto Loddo

[ 01/01/2010 ] O ciclista do Xacobeo Galicia Francisco J. Pacheco clasificouse en décima posición na terceira etapa do Tour de San Luís, que tivo como gañador ao italiano Alberto Loddo (Androni - Giocattoli). A vitoria decidiuse nun sprint masivo dun pelotón que se cortou en tres grupos na entrada en meta, chegando a intervalos de 13 e 25 segundos. Na fracción intermedia entraron os outros cinco corredores do Xacobeo Galicia.

Gustavo Rodríguez e Pacheco

Gustavo Rodríguez e Pacheco

A etapa disputouse sobre 199,7 quilómetros practicamente chairos, nos que o pelotón deixo marchar por diante ata as proximidades da meta ao chileno Garrido, ao colombiano Ávila e o estadounidense Guptill. Os ciclistas do Xacobeo Galicia houberan pasado un día tranquilo, á espera da contrarreloxo da cuarta xornada, de non ser polos problemas estomacais que afectaron á totalidade do equipo, coa única excepción de José Antonio De Segovia.

José Ángel Vidal: "De Segovia está moi mentalizado para a contrarreloxo"
"Algúns outros equipos tiveron tamén algún tipo de problemas deste tipo", comentou José Ángel Vidal, en alusión a leve gastroenterite dos seus corredores, para engadir: "Pero penso que é máis polos cambios propios en clima e alimentación ao ir dun continente a outro que por algún tipo de intoxicación. Así que espero que sexa algo pasaxeiro".

O director deportivo do Xacobeo Galicia definiu a etapa como "tranquila, porque nas longas rectas do percorrido non apareceu o vento. Aínda así, sempre había algo de intranquilidade e a uns vinte quilómetros de meta produciuse unha caída sen grandes consecuencias. Nós salvámola. Foi unha pena que De Segovia perdese uns segundos no corte da chegada, porque está moi motivado e con ganas de facer unha gran contrarreloxo", engadiu.

Marcos García: "Estame gustando a experiencia do Tour de San Luís"
"No Miradoiro do Potrero non me atopei ben, tiña as ‘patas’ moi duras e non camiñaba. Logo ao chegar ao hotel empecei con problemas de ventre. Poida que iso explicase en parte as malas sensacións que tiven na subida do porto final. Expóñome a contrarreloxo como un día de recuperación destes problemas estomacais para ver se nas dúas etapas seguintes de montaña podemos estar a mellor nivel", declarou o escalador do Xacobeo Galicia.

Sobre a carreira engadiu: "Acabei a tempada correndo a Volta a Chihuahua e empecei a nova en Arxentina. Son dúas carreiras distintas, pero ambas moi bonitas e ben organizadas. Estame gustando esta experiencia do Tour de San Luís".

Francisco J. Pacheco: "Nestas chegadas masivas o perigo pálpase realmente"
O home rápido do Xacobeo Galicia, Francisco J. Pacheco sprintou máis por obrigación que por convicción: "Nesta terceira etapa non me atopei ben. Antes da saída tamén tivera problemas estomacais e, de feito, nos quilómetros finais díxenlles aos compañeiros que non me vía como para sprintar, pero eles animáronme e, por corresponder ao seu traballo, metinme. Arrinquei pronto e saín ben, aínda que a uns cincuenta metros sentinme sen forzas e superáronme catro ou cinco corredores".

Habituado aos finais de vertixe sente nestas chegadas do Tour de San Luís máis próximo o risco. "Son uns sprints moi anárquicos. Todo o mundo quere meterse e o perigo pálpase realmente. Polo demais estou contento. Non teño moito rodaxe e, a pesar diso, véxome diante".

Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?