Novas

TOUR DE SAN LUÍS: NIBALI, NOVO LÍDER

José A. De Segovia é undécimo logo da contrarreloxo e terceiro europeo

[ 22/01/2010 ] O ciclista do Xacobeo Galicia José Antonio De Segovia ascendeu ao undécimo posto da clasificación xeral no Tour de San Luís logo da contrarreloxo da cuarta etapa, e buscará nas dúas próximas xornadas conseguir unha praza que lle permita concluír entre os dez primeiros a súa primeira carreira con licenza profesional.

José A. De Segovia

José A. De Segovia

De Segovia acabou a proba cronometrada, disputada na cidade de San Luís sobre un percorrido de 19,8 quilómetros, no posto vixésimo cuarto, a 1-16 de Vizenzo Nibali (Liquigas), gañador da etapa e novo líder da carreira.

Para José Ángel Vidal, que asume a dirección deportiva do equipo galego na carreira Arxentina, o seu ciclista rodou "bastante rápido, pero estaba en desvantaxe con outros rivais que utilizaron material de contrarreloxo. Os demais compoñentes do equipo estiveron máis discretos pero viñan de sufrir problemas estomacais, dos que todos parecen ir repóndose nas últimas horas. Rodrigo García é o máis afectado, aínda que tamén mellora", comentou o técnico.

Chegan dúas etapas de montaña que van dar o grao de melloría, aínda que Vidal fai xa balance positivo: "Os ciclistas están animados, as temperaturas roldan os trinta e sete graos, polo que esta carreira débelles axudar a coller un bo punto de forma para compromisos inmediatos".

Nos próximos dous contactos coa montaña José Antonio de Segovia intentará alcanzar un posto entre os dez primeiros da xeral, o cal constituiría un excelente balance, tendo en conta que é debutante este ano na categoría e que o Tour de San Luís supón a primeira carreira no seu programa de competición da tempada.

Ese undécimo posto actual do ciclista do Xacobeo Galicia na xeral do Tour de San Luís correspóndese co terceiro dun ciclista europeo nesa mesma clasificación -por detrás do líder, Nibali, e Valls-, confirmado, como xa se apuntaba antes do inicio da carreira, a moi avanzada posta a punto dos ciclistas suramericanos a estas alturas do ano fronte ao incipiente estado de forma dos procedentes do Vello Continente.

Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?