Novas
PACHECO FOI TERCEIRO NA ÚLTIMA ETAPA
O Xacobeo Galicia buscou a vitoria mediante fugas e ao sprint no Tour de San Luís
[ 25/01/2010 ] O Xacobeo Galicia puxo a emoción na última etapa do Tour de San Luís con José Antonio De Segovia como protagonista nunha fuga de sete corredores, na que era o mellor clasificado. O ciclista do equipo galego converteuse durante a maior parte do percorrido nunha ameaza real para o liderado de Vicenzo Nibali (Liquigas). Pero a fuga foi anulada a uns quince quilómetros de meta e a vitoria resolveuse nun sprint masivo no que outro ciclista do Xacobeo Galicia, Francisco J. Pacheco, clasificouse terceiro e Alberto Loddo (Androni) sumou a súa segunda vitoria.

Sprint final
José Antonio De Segovia acaba de chegar ao pelotón profesional logo de tan só unha tempada e media no ciclismo de estrada. A oportunidade preséntaselle aos vinte e sete anos e sabe que non ten tempo que perder. Demostrouno na última etapa do Tour de San Luís.
Todo corría a favor do líder Nibali na xornada final sobre un percorrido de 167,1 quilómetros, con saída e meta en San Luís, un perfil eminentemente plano e rectas quilométricas que favorecían as accións de control por parte do pelotón. Pero De Segovia decidiu expor a última batalla e, logo de tres intentos, logrou meterse na escapada boa con Medici (Scott de Brasil), David Gutiérrez (Footon-Servetto), Mazzanti (Katusha), Ramírez (Andalucía-Cajasur), Baliani (Miche) e Kvachuk (ISD).
O Liquigas non podía facer ningunha concesión á fuga, se non quería ver como se lle complicaba unha vitoria que o equipo italiano xa daba por conseguida o día anterior, despois do terceiro posto de Nibali no Mirador del Sol. Nestas circunstancias a loita foi tensa e os escapados sumaban segundos ao seu favor a base de moito desgaste, o mesmo que os compañeiros do líder facían por detrás.
A fuga chegou a cobrar unha vantaxe máxima de 3-10, que situaba ao ciclista do Xacobeo Galicia a 1-08 do liderado. Isto era a falta aínda duns cincuenta quilómetros para meta, unha altura de carreira na que empezan a contar tamén as intencións dos esprintes, quen, tras unha contrarreloxo e dúas etapas de montaña seguidas, levaban tres xornadas sen asomar a cabeza na meta.
A partir dese momento a renda dos fuxidos comezou a diminuír rapidamente para quedar finalmente anulada. Coa carreira lanzada cara ao sprint, o Xacobeo Galicia tratou de xogar as súas bazas na chegada masiva e Pacheco achegouse moi esperanzadoramente á vitoria, da que tan só o apartaron o gañador Loddo, ratificando o dominio do equipo Androni, e Napolitano, segundo.
De Segovia acabou undécimo na xeral do cuarto Tour de San Luís, que ofreceu un podio final composto por Nibali (Liquigas), Serpa (Androni) e Valls (Footon). O Xacobeo Galicia, quinto ademais por equipos entre as dezanove formacións participantes, pechou dun modo moi prometedor a súa participación no Tour de San Luís, carreira coa que inaugurou o seu calendario de 2010. A Challenge de Mallorca e a Volta ao Algarve (Portugal) serán as próximas carreiras do equipo.