Novas
VIDAL DESTACA A BOA ORGANIZACIÓN E A ENTREGA DO EQUIPO NA ROLDA ARXENTINA
O Xacobeo Galicia convidado a unha cea na Sociedade Española de San Luís
[ 25/01/2010 ] O Xacobeo Galicia será agasallado cunha cea esta noite pola Sociedade Española da provincia arxentina de San Luís, a que tamén está convidado o equipo Andalucía-Cajasur. As dúas formacións finalizaron o domingo a súa participación na volta ciclista que durante sete días percorreu este departamento do norte do país suramericano. O equipo galego ten programado o regreso para mañá martes, a noite, con chegada a España o mércores.

Pelotón Tour de San Luís
José Ángel Vidal, que asumiu a dirección deportiva do Xacobeo Galicia no Tour de San Luís, móstrase satisfeito coa experiencia: "Atopamos unha boa organización e unha xente moi envorcada co ciclismo. Onte mesmo, na cea de fin de volta, á que fomos invitados todos os equipos, o gobernador de San Luís e o presidente da Federación Arxentina asinaron un acordo para construír un velódromo nesta provincia. E para o próximo ano queren seguir potenciando esta proba".
Como non podía ser doutro xeito tratándose dunha viaxe a Arxentina, non faltaron os encontros con descendentes de galegos. "Sen ir máis lonxe -engadiu Vidal-, estivemos aloxados todos os días no Hotel Quintana, que rexenta un señor descendente de galegos. A súa nai e o seu pai eran orixinarios de Cea (Ourense) e Vigo, respectivamente".
No deportivo regresa tamén con boa impresión. "No equipo houbo moi bo ambiente. E os ciclistas estiveron moi combativos, especialmente nas últimas etapas. Fomos de menos a máis e estes corredores que estiveron no Tour de San Luís acaban a carreira cun bo punto de forma. Pacheco díxome que se viu gañador do sprint da última etapa (rematou terceiro), pero que nos metros finais fixéronlle un corredor dous corredores italianos e tivo que deixar de pedalear. É bo que se vaia metendo e que colla confianza", acabou dicindo o director deportivo do Xacobeo Galicia.