Novas

O HORIZONTE DESTA NOVA REALIDADE ESTÁ NO OUTRO LADO DO ATLÁNTICO

O ciclismo no ‘prime time’ da televisión xa é posible

[ 27/01/2010 ] Falouse moito das desvantaxes das retransmisións ciclistas por non poder adaptarse aos horarios televisivos do ‘prime time’. Unha franxa moi cobizada e disputada, como o demostra esa moda cada vez máis frecuente de partidos de fútbol ás dez da noite.

Imaxe do Tour de San Luís

Imaxe do Tour de San Luís

Un intento do ciclismo por achegarse aos horarios de máxima audiencia televisiva ofréceo tamén a Volta a España 2010, que comezará en Sevilla cunha etapa nocturna. Fóra de casos concretos como este, o ciclismo na estrada necesita da luz do día, polo menos ata que non se consiga abovedar o ceo para colgarlle farois.

Cabería tamén a opción de dispor dun escuadrón de helicópteros sobrevoando ao pelotón, con potentes proxectores enfocados cara aos ciclistas. Pero aínda nese caso, nas etapas de montaña co gran grupo moi fraccionado, non habería flotilla que chegase.

Con poucas posibilidades de avance por ese lado, as grandes organizacións empezaron a facer prospeccións no calendario abrindo unha ruta cara ao Leste, buscando o soporte económico do petróleo, e quizais tamén o exotismo -vinculado polo subconsciente a Oriente-, a modo de estimulante para o ciclismo.

Curiosamente, a pesar destes esforzos, estase vendo que o ciclismo nas últimas tempadas fai os seus principais movementos en dirección oeste. Este desprazamento podería acelerarse máis se consegue ofrecer a opción dun ciclismo en ‘prime time’ para a Unión Europea, territorio cunha densidade de poboación ao redor dos cincocentos millóns de habitantes.

Estaba o ciclismo resignado a non beneficiarse dos maiores efectos publicitarios dos horarios ‘prime time’, cando de súpeto esa posibilidade aparécelle no horizonte, aínda que sexa nun tan afastado como o da outra beira do Atlántico. Falamos, por exemplo, de Arxentina.

Non é que na Pampa gocen do sol de media noite, senón que as súas catro horas de diferenza fan que as etapas de carreiras como o Tour de San Luís veñan finalizando entre as nove e media e as once e media da noite, no horario europeo.

Nomeamos Arxentina, pero tamén poderiamos referirnos a outro país cunha economía emerxente como é Brasil. Desembarcar nestas e outras nacións do subcontinente americano (cun fuso horario de 4-5 horas menos que en Europa) coas principais figuras do ciclismo mundial, podería supor inventar o ciclismo por televisión en ‘prime time’ para Europa.

Pero se nos desprazamos a Norteamérica, as diferenzas horarias varían tamén entre as 6 e as 8 horas cos países da Unión Europea. Iso significa que unha carreira que acaba en USA ás catro da tarde, estao facendo entre as dez e as doce da noite no horario europeo.

Na división Pro Tour xa comeza a verse o peso da representación do ciclismo dos Estados Unidos. Unha tendencia similar podería seguir o calendario, porque á repercusión directa dentro do país norteamericano, sumaríase unha audiencia televisiva europea en ‘prime time’ de gran atractivo publicitario. Algo que non sucede cando o calendario se estira cara ao outro lado do mapa, cara a Oriente.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?