Novas

EZEQUIEL MOSQUERA E DAVID GARCÍA AGARDARÁN AO ALGARVE PARA EMPEZAR

Gustavo C. Veloso liderará un equipo de once corredores do Xacobeo Galicia en Mallorca

[ 29/01/2010 ] Gustavo C. Veloso liderará ao Xacobeo Galicia na Volta a Mallorca, que se disputa do 7 ao 11 de febreiro. O gañador da novena etapa da Volta a España en Xorret do Catí e da Volta a Cataluña 2008 estará en Mallorca á fronte do equipo profesional galego que desprazará ás illas Baleares a once ciclistas, baixo a dirección deportiva de Álvaro Pino e José Ángel Vidal.

Gustavo C. Veloso

Gustavo C. Veloso

Os once corredores que presentará o equipo en Mallorca son: Gustavo C. Veloso, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Delio Fernández, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Rodrigo García, Francisco Pacheco, Gustavo Rodríguez e José Antonio De Segovia.

"Son dez corredores os que poden saír cada día, e nós queremos que todos os ciclistas desprazados disputen practicamente o máximo de etapas, cun recambio, en función de perfil dos percorridos e para cubrir calquera continxencia", manifestou Álvaro Pino.

O manager-director deportivo do Xacobeo Galicia engadiu: "A permuta quizais a fagamos fundamentalmente entre Pacheco e De Segovia. Ao primeiro dariámoslle descanso nas etapas de montaña, para que se centre nas posibles chegadas ao sprint. Con De Segovia, nun primeiro momento, case pensaramos en darlle descanso logo da súa destacada actuación no Tour de San Luís, pero por outra banda está nun bo momento e hai etapas que poden irlle moi ben", declarou finalmente o máximo responsable deportivo do equipo profesional galego.

Se todo discorre segundo o previsto, entre Mallorca e o Tour de San Luís acabarán tomando contacto co calendario de competición 2010 todos os ciclistas do plantel, coas excepcións de Ezequiel Mosquera, David García, Gonzalo Rabuñal e Nelson Oliveira, que agardarían á Volta a Álgarve para colocarse o primeiro dorsal do ano.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?