Novas

PROBAS FÍSICAS NO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

O Xacobeo Galicia acode a Mallorca decidido a dar batalla desde o primeiro día

[ 05/02/2010 ] O Xacobeo Galicia última o seu desprazamento a Mallorca con renovadas ilusións. Atrás quedan os ecos dun espléndido peche de tempada na Volta a España e o obxectivo é seguir consolidando este proxecto ciclista, que inicia a súa cuarta tempada. A Challenge de Mallorca é a primeira carreira do ano en Europa, despois do debut alén do Atlántico no Tour de San Luís (Arxentina), cuns resultados "prometedores", a dicir dos técnicos do equipo.
Fotos das probas de esforzo

Proba de esforzo

Proba de esforzo

Nas Baleares a competencia vai ser máis grande, ao ofrecer a carreira unha participación de vinte equipos, a metade deles Pro Tour. Álvaro Pino, que estará á fronte do equipo auxiliado por José Ángel Vidal, adiantou que o Xacobeo Galicia acode á ‘Challenge de Mallorca’ con once dos dezaseis corredores que integran o cadro.

"Dez son os que poden saír en cada unha das cinco etapas. Polo tanto, iremos facendo unha rotación cada día, en función do terreo e de calquera posible continxencia, pero a previsión é que todos os ciclistas disputen o maior número de etapas", declarou o manager-director deportivo do Xacobeo Galicia.

Os once corredores que presentará o equipo en Mallorca son: Gustavo C. Veloso, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Delio Fernández, Alberto Fernández, Vladimir Isaychev, Rodrigo García, Francisco Pacheco, Gustavo Rodríguez e José Antonio De Segovia.

Como é tradición, a carreira comezará nun Circuíto en Palma, totalmente chairo, deseñado para o lucimento dos numerosos sprinters que todos os anos danse cita na competición ciclista que abre o calendario profesional español. A diferenza das tres edicións anteriores, o Xacobeo Galicia xa non agardará a etapas con terreo máis selectivo, senón que intentará buscar as súas opcións de victoria na máis que probable chegada masiva do primeiro día.

Para ese lance o equipo galego contará con Francisco Pacheco, ciclista que ten acreditada unha boa punta de velocidade e que no Tour de San Luís evidenciou xa un bo golpe de pedal, para conseguir un terceiro posto na etapa que marcou o epílogo da rolda arxentina.

Outros corredores como Rodrigo García, José Antonio De Segovia, Marcos García e Gustavo Rodríguez tamén ofreceron un bo nivel nesa primeira carreira da tempada naquelas etapas nas que o terreo era un pouco máis selectivo. E, en teoría, deben ser os que loiten por estar diante nas xornadas de perfil máis áspero.

Gustavo C. Veloso, corredor importante no esquema do equipo Xacobeo Galicia 2010, acaba de recibir a alta médica logo da operación de clavícula á que foi sometido a finais de decembro.

"A miña idea era empezar este ano forte, como en 2008 (terceiro no Tour de Langkawi), pero a fractura de clavícula freou a miña posta a punto. Con todo, estou bastante mellor do que podería suporse porque fixera un bo traballo invernal. Eu sempre adoito empezar a Volta a España con 69 quilos e cando me rompín a clavícula estaba xa en 71", apunta o ciclista de Vilagarcía.

O período de convalecencia supuxo un paso atrás, pero non se preocupa en exceso. "Se cadra en Mallorca tócame andar a por auga para os compañeiros, pero o que quero é ir collendo a forma, porque o meu primeiro gran obxectivo da tempada sería poder disputar a Volta a Cataluña, que este ano se adianta a marzo", engade, ilusionado con poder repetir a vitoria conseguida na rolda catalá en 2008.

Acordo entre o Xacobeo Galicia e o Centro Galego de Técnificación Deportiva
A semana transcorreu para os ciclistas do Xacobeo Galicia entre adestramentos e probas físicas. O equipo ciclista profesional estableceu un primeiro acordo co Centro Galego de Tecnificación Deportiva para someter a controis físicos aos seus corredores.

Ao longo da semana distintos ciclistas foron pasando pola sede desta institución na cidade de Pontevedra, para realizar probas de esforzo e outras revisións clínicas, dirixidas polo médico titular do centro, o doutor Fernando Huelin. Este foi o principio dunha colaboración que as partes esperan intensificar.

Na última sesión sometéronse ás probas médicas e tests de esforzo Ezequiel Mosquera, Gonzalo Rabuñal e Gustavo Rodríguez, baixo o control do doutor Huelin e a súa asistenta May Díaz, como se aprecia nas fotos.

"Os ciclistas realizaron uns bos test, especialmente tendo en conta que se atopan a comezos de tempada", sinalou do Dr. Huelín, para engadir que estas probas, ademais de ofrecer datos sobre o estado físico do ciclista, tratan de "descartar tamén algunhas posibles patoloxías".

Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?