Novas

DISPUTARASE NO PASEO MARÍTIMO DE PALMA

O Xacobeo Galicia presenta a baza de Francisco Pacheco na primeira etapa de Mallorca

[ 06/02/2010 ] O Xacobeo Galicia chegou ao redor das catro e media da tarde a Mallorca onde disputará de domingo a xoves a ‘Challenge de Mallorca’, proba coa que comeza tradicionalmente a tempada ciclista profesional en España. Esta carreira será a segunda no calendario 2010 do equipo que dirixe Álvaro Pino, logo de comezar a tempada no Tour de San Luís (Arxentina).

Equipo para a primeira etapa

Equipo para a primeira etapa

Foi chegar ao hotel, situado na localidade de Palmanova, e cambiarse para saír a realizar un curto adestramento. Había que aproveitar as horas de sol que quedaban para ‘soltar as pernas’, antes de enfrontarse á primeira etapa da rolda mallorquina.

O equipo galego acode moi motivado á súa primeira cita do calendario europeo. Iso é algo que se supón en todos os corredores e en todos os grupos deportivos no arranque de tempada, pero pálpase na formación que dirixirá en Mallorca Álvaro Pino, auxiliado na dirección deportiva por José Ángel Vidal.

O corpo técnico decidiu presentar na primeira etapa unha escuadra formada por Gustavo C. Veloso, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Francisco Pacheco, Rodrigo García, Gustavo Rodríguez e José Antonio De Segovia. Dadas as características da primeira xornada, os técnicos do Xacobeo Galicia optaron por descartar nesta primeira etapa a Alberto Fernández.

Ata Mallorca tamén se desprazou o director-xerente da Fundación Ciclismo Galego, Pedro Alfaro, para participar nunha reunión da Asociación de Grupos Deportivos, na que o tema central non se escapa que tería que pasar por analizar as diferenzas existentes no momento actual entre a asociación de grupos deportivos e as organizacións das voltas a Andalucía e Murcia.

No que á participación da Challenge de Mallorca respecta, as contas, en canto a participación, son redondas: vinte equipos, dez ciclistas por formación e un pelotón de duascentas unidades mañá no Paseo Marítimo de Palma para pór en marcha a primeira etapa da Challenge e o calendario en España. E se de calidade falamos, bastará con dicir que estarán presentes unha maioría de equipos Pro Tour.

A xornada inaugural desenvolverase sobre un circuíto de 11,6 quilómetros, ao que se darán dez voltas. Un escenario perfecto para o lucimento dos velocistas, tendo en conta que está trazado sobre un terreo completamente chairo. Os prognósticos de saída favorecen ao alemán André Greipel, a bala máis certeira nestes momentos no pelotón internacional.

O Xacobeo Galicia ten tamén unha boa opción para esta xornada inicial en Francisco Pacheco, un velocista no que o equipo galego ten depositadas moitas esperanzas. Pero a competencia vai ser moi grande, porque a nómina de consagrados sprinters comeza con Greipel, segue co tricampión do Mundo Óscar Freire e complétase cunha longa relación de especialistas nas chegadas masivas e de poderosos rodadores.

Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?