Novas

O XACOBEO GALICIA, CON VELOSO E DE SEGOVIA PARA A XERAL

Ezequiel Mosquera e David García inician a tempada mañá no Algarve

[ 16/02/2010 ] Os ciclistas do Xacobeo Galicia Ezequiel Mosquera e David García inician a tempada mañá na Volta ao Algarve, que se disputará en cinco etapas entre o mércores e o domingo. A carreira tamén permitirá facer a entrada en competición este ano aos seus compañeiros de equipo Gonzalo Rabuñal e Nelson Oliveira. Entre o elenco de figuras que reunirá a carreira portuguesa, destaca o nome de Alberto Contador.

Ezequiel Mosquera con Núñez Feijóo, Roberto Varela (conselleiro de Cultura e Turismo), J. R. Lete e A. Pino

Ezequiel Mosquera con Núñez Feijóo, Roberto Varela (conselleiro de Cultura e Turismo), J. R. Lete e A. Pino

Os oito corredores regulamentarios que presentará o Xacobeo Galicia no proba do sur de Portugal son: Ezequiel Mosquera, David García, Gonzalo Rabuñal, Nelson Oliveira, Gustavo C. Veloso, Marcos García, Francisco Pacheco e José A. De Segovia. A dirección deportiva asumiraa Álvaro Pino, auxiliado por Jesús Blanco Villar.

A volta disputarase sobre catro etapas en liña e unha contrarreloxo individual, que chegará na última xornada cun percorrido de 17,2 quilómetros. Esta etapa preséntase como a máis decisiva. No entanto, na terceira terán os escaladores opcións de tomar a dianteira na clasificación xeral, ao situarse a meta no Alto do Malhao, porto de segunda categoría. As tres etapas restantes parecen máis favorables para as chegadas ao sprint, aínda que a segunda, con catro portos de terceira categoría, terá tamén a súa dificultade.

Ezequiel Mosquera tratará de empezar a calibrar o seu estado de forma, e a mellor ocasión para facelo será no final no alto da terceira etapa. Sendo a primeira carreira da tempada, terá que enfrontarse no entanto a rivais máis rodados. Neste terreo, Marcos García, que xa disputou o Tour de San Luís (Arxentina), tamén buscará as súas opcións. Para as chegadas ao sprint o equipo galego seguirá confiando na baza de Francisco J. Pacheco.

David García e Gonzalo Rabuñal, que tamén se estrean esta tempada no Algarve, poderán intentar sorprender meténdose en fugas. Para este tipo de accións, a segunda etapa parece a máis propicia.

Na contrarreloxo final o Xacobeo Galicia intentará esta arriba con Gustavo C. Veloso, José Antonio De Segovia e Nelson Oliveira. A afección portuguesa ten moito interese en comprobar o rendemento do seu novo compatriota nunha especialidade na que o ano pasado proclamouse subcampión do Mundo en categoría sub 23.

Mirando ao cómputo global de contrarreloxo e montaña, en busca dunha boa clasificación na xeral, José Antonio De Segovia posiblemente sexa o corredor que chegue máis en forma a esta carreira por parte do equipo galego. Aínda que o percorrido pódelle ir moi ben, así mesmo, a Gustavo C. Veloso, se logra xa un punto de mellora sobre o estado de forma exhibido en Mallorca.

Os rivais tamén conta e, esta vez, moito, porque a Volta ao Algarve presenta unha participación de altísimo nivel, distribuída en vinte e tres equipos, dos que doce son de categoría Prol Tour.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?