Novas

VOLTA AO ALGARVE: VITORIA PARA GREIPEL NA SEGUNDA ETAPA

Ezequiel Mosquera e Nelson Oliveira medíronse cos mellores nunha dura xornada

[ 18/02/2010 ] André Greipel (Columbia) acumula outra nova vitoria tras a segunda etapa da Volta ao Algarve, a máis longa da rolda portuguesa, disputada entre Vila do Bispo e Lagos sobre 207,5 quilómetros. O alemán, á fronte dun pelotón de setenta corredores, privou a David Vitoria (Footon) dun triunfo épico. O Xacobeo Galicia estivo representado no grupo dos mellores por Ezequiel Mosquera e o mozo Nelson Oliveira.

  • Ezequiel Mosquera: "Estou satisfeito porque comezo mellor a tempada que o ano pasado"
  • Álvaro Pino destaca a actitude que "faltou na primeira etapa"
  • Ligazón con Jornal Ciclismo. ETAPA EN DIRECTO ON LINE
  • Ezequiel Mosquera

    Ezequiel Mosquera

    O pelotón principal rompeu no último porto, a uns vinte quilómetros da chegada, e volvería estirarse un pouco na rampla de acceso a meta. Greipel, demostrando un gran poderío, daba tempo a Roelandts (Omega Pharma-Lotto), segundo clasificado; superaba en catro segundos a Samuel Sánchez (Euskaltel), terceiro; e en seis a Leukemens (Vacansoleil). Neste tempo entraba tamén Ezequiel Mosquera.

    Oliveira, segundo corredor do Xacobeo Galicia, cedía 27 segundos; e De Segovia, David García e Rabuñal, que estiveran a piques de coroar no grupo de cabeza, foron os seguintes corredores en cruzar a meta por parte do equipo galego.

    A etapa estivo marcada por unha fuga iniciada por cinco corredores, que no quilómetro 12 decidiron tomar a senda da heroica, con moitos quilómetros por diante, un terreo moi crebado, catro portos de terceira, choiva e temperaturas moi frescas. Estes ciclistas eran: David Vitoria (Footon-Servetto), Hunt (Cervélo), Baugnies (Topsport Vlaanderen-Mercator), Golas (Vacancoleil) e Fouchard (Cofidis).

    Ninguén no pelotón quería asumir axiña o desgaste da persecución e a vantaxe dos fuxidos chegou ata os doce minutos, superado o ecuador da carreira. As diferencias foron reducíndose moi lentamente, á vez que o grupo de fuxidos íase debullando ata quedar só na cabeza de carreira David Vitoria, a falta de 18 quilómetros.
    Por detrás Euskaltel puxose á fronte do pelotón, limando segundos a Vitoria, que acabou sucumbindo no repeito de meta, a douscentos metros da pancarta final.

    A terceira etapa debe vai clarificar aínda máis a xeral, comandada de momento por Greipel. Se dispusta entre Castro Marim e Loulé, sobre 173,7 Kms., coa meta situada no alto de Molhao, un porto de segunda categoría, curto pero con ramplas esixentes.

    Ezequiel Mosquera: "Estou satisfeito porque comezo mellor a tempada que o ano pasado"
    O líder do Xacobeo Galicia, Ezequiel Mosquera, supera con boa nota a dura etapa, tendo en conta que esta carreira é a primeira da tempada para el: "Foi unha etapa moi dura, con continuos repeitos, frío e unha choiva incesante que non nos permitiu quitar o chuvasqueiro en todo o día. A base de sufrimento, puiden estar hoxe diante, pero vexo que me falta algo, porque estou aínda un pouco "gordiño". É lóxico porque estamos en febreiro. Pero en xeral atópome satisfeito polas sensacións que tiven. Comparando este comezo co do ano pasado no Giro de Grossetto, a melloría é notable. En Italia naquela primeira carreira do calendario ía bastante arrastrado", declarou o ciclista do Xacobeo Galicia ao final da etapa.

    "Aquí as sensacións foron mellores; pero, por outra banda, estanme impresionando Contador e Samuel Sánchez. Van moito, tendo en conta que estamos empezando", engade. E á hora de repartir eloxios tampouco que esquece do "xuvenil" do equipo, Nelson Oliveira. "Chamoume moito a atención o rapaz, porque se ía rápido e vino moi solto na bicicleta".

    Álvaro Pino destaca a actitude que "faltou na primeira etapa"
    O manager-director deportivo do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, facía a seguinte valoración da xornada: "A etapa foi unha emboscada, con continuos repeitos, choiva e frío. Chegamos con máis dunha hora de atraso. Hoxe o equipo tivo unha boa actitude; Ezequiel e Nelson Oliveira chegaron diante e David García, Rabuñal e De Segovia quedaron cortados por moi pouco no último porto. Todos en xeral estiveron ben. Pacheco ao final colleu un desfalecemento, pero iso forma parte do ciclismo e non ten importancia. O que non pode admitirse esa relaxación que se deu no momento final da etapa de onte".

    "Vale que nos dous días previos á carreira practicamente os ciclistas non puideran adestrar, pero a primeira etapa fora relativamente tranquila e non ten xustificación que nos dous repeitos finais a xente quede a cola. Iso é máis cuestión de actitude que de forzas; así que na charla desta mañá tiven que pórme serio", declarou finalmente Álvaro Pino, que regresaba a casa á conclusión da etapa por uns problemas de saúde que vén arrastrando nos últimos días, deixando á fronte do equipo a Jesús Blanco Villar.

    INFORMACIÓN ANTERIOR: SEGUNDA ETAPA
    A etapa máis longa da Volta ao Algarve presenta, ademais, catro portos de terceira categoría, nos quilómetros: 57,8; 110,4; 118,9 e 178,4. Trátase dun terreo propicio para as "guerrillas", que seguramente acabará causando fracturas no pelotón.

    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?