Novas

VOLTA AO ALGARVE: OLIVEIRA E RABUÑAL, NA ESCAPADA DO DÍA

O ímpeto do Xacobeo Galicia chocou coas ansías de vitoria de Alberto Contador

[ 19/02/2010 ] O Xacobeo Galicia sacou a relucir o seu espírito batallador na terceira etapa da Volta ao Algarve, disputada sobre 180 quilómetros entre Castro Marim e o alto de Molaho (Loulé); pero os seus ímpetos chocaron coas irrefreables ansias de vitoria de Alberto Contador. E cando iso ocorre, na actualidade, hai pouco que facer. O ciclista de Pinto, tras o seu triunfo de etapa, é o novo líder da rolda portuguesa.

  • Gonzalo Rabuñal: "Hoxe inaugurei o contaquilómetros das escapadas"
  • Jesús Blanco Villar: "Astana non lle deu ningunha opción á fuga"
  • Gonzalo Rabuñal

    Gonzalo Rabuñal

    O equipo galego meteu aos seus corredores Gonzalo Rabuñal e Nelson Oliveira na escapada da xornada cando tan só se cubriran dez quilómetros desde a partida. Unha fuga que o mozo corredor portugués acabaría mantendo viva en solitario ata o quilómetro 145, onde foi alcanzado polo pelotón.

    O subcampión do mundo sub 23 de contrarreloxo estaba decidido a deixar constancia da súa presenza en carreira por segundo día consecutivo. Na durísima xornada anterior bateuse tamén cos mellores cunha desenvoltura impropia da súa mocidade, chamando a atención de Ezequiel Mosquera. "Polo que lle vin hoxe, este rapaz apunta alto", comentou o líder do equipo galego, nada máis acabar a etapa.

    Acompañaron a Rabuñal e Oliveira na fuga: Weylandt (Quick Step), Edward King (Cervélo), Thomas de Gendt (Topsort Vlaanderen-Mercator), Bruno Saraiva (CC Loulé-Louletano-Aquashow) e Pieter Ghyllebert (An Post Sexan Kely Team).

    A escapada parecía ter certas posibilidades despois do duro castigo do día anterior e cos equipos dos sprinters desentendéndose da mesma porque o final non era apto para velocistas. Pero as dúbidas despexáronse pronto, porque antes do quilómetro corenta o equipo Astana púxose á fronte do pelotón. Era o sinal definitivo de que Alberto Contador quería disputar a etapa e de que a sorte dos aventureiros estaba botada.

    Neses momentos o grupo de cabeza adiantaba ao pelotón en 3-40. Foi a vantaxe máxima. A partir de aí a diferenza comezou a diminuír ata que no quilómetro 145 o pelotón neutralizou ao último valente, o ciclista do Xacobeo Galicia Nelson Oliveira.

    Anulada a fuga, a etapa converteuse nunha osca partida entre Contador e os corredores do Radio Sack: Leipheimer, Tiago Machado e Kloden, principalmente. As cartas estaban boca arriba. Todos os movementos eran predicibles, o cal non quere dicir que evitables, porque cando Contador arrincou cara a meta nos 2,7 quilómetros de dura ascensión -no inicio co seu compañeiro David De La Fuente-, ningún dos seus rivais logrou apartalo do camiño do triunfo.

    No transcurso da etapa o Xacobeo Galicia sufriu a baixa de Francisco J. Pacheco, que xa non se atopou moi ben na parte final da segunda xornada. E, como quedara dito, Jesús Blanco Villar mantense á fronte da dirección deportiva do equipo nas tres xornadas finais da volta, tralo regreso de Álvaro Pino.

    A cuarta etapa, aparentemente un respiro ata a contrarreloxo final do domingo, disputarase entre Cacela (Vila Real de Santo Antonio) e Tavira, sobre un percorrido de 169 Kms. Polo camiño dous portos de terceira categoría, aínda que ambos afastados de meta. En definitiva, unha etapa propicia para un greipel, perdón un sprinter.

    DECLARACIÓNS DE RABUÑAL E BLANCO VILLAR
    Gonzalo Rabuñal: "Hoxe inaugurei o contaquilómetros das escapadas"
    19 febreiro. "Non é que saíse coa determinación de coller a escapada, pero si que estaba atento e xurdiu. De saída estiveran saltando distintos corredores, entre eles Veloso, pero ao formarse na cabeza un grupo de dezaseis unidades o pelotón botou abaixo a fuga. Logo nunha rotonda, atacaron catro ou cinco corredores pola esquerda, e eu seguín a un Cervelo pola dereita. Total que nos xuntamos sete na cabeza, entre eles Nelson, polo que o Xacobeo Galicia converteuse no equipo máis representado diante", comentou Gonzalo Rabuñal, un dos ciclistas do Xacobeo Galicia que estrea o calendario 2010 no Algarve.

    Na fuga Rabuñal tivo que empregarse un pouco máis que o seu compañeiro de equipo: "Había ordes de que eu gastase un pouco máis que Nelson, aínda que el ía fácil. E ao final cando me colleu o pelotón xa me deixei ir porque empecei a sentir unhas leves molestias nun xeonllo cunhas picadas subindo en último porto, pero confío que sexa produto da choiva e o frío destes días", engadiu.

    "Agora xa pode dicirse que estreei o contaquilómetros das fugas este ano. Cando me colleu o pelotón e xa non forcei, por esas molestias, e tocoume ir outra vez nun grupo reducido, antes por diante e finalmente por detrás. Pero estou contento, porque me estou atopando ata mellor do esperado para ser a miña primeira carreira da tempada", dixo, confiado.

    Jesús Blanco Villar: "Astana non lle deu ningunha opción á fuga"
    "A metade dos corredores do equipo inicia a tempada aquí no Algarve, polo que aínda non estamos moi rodados. A pesar de todo hoxe deixámonos ver. A pena é que Astana non lle deu ningunha opción á fuga. Púxose a tirar enseguida. Foi unha etapa tamén bastante complicada, con moitos repeitos, e algunhas caídas, que afortunadamente nós esta vez puidemos esquivar. Dentro dunha boa tónica, temos que lamentar a baixa de Pacheco, pero xa acabou tocado onte a etapa e víase que non estaba ben", manifestou Blanco Villar, a fronte do equipo nesta etapa.


    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?