Novas

VOLTA AO ALGARVE: CUARTA ETAPA

O Xacobeo Galicia pasou a xornada pendente do talón de Ezequiel Mosquera

[ 20/02/2010 ] Sebastien Rosseler (RadioShack) foi o gañador da cuarta etapa da Volta ao Algarve, culminando unha fuga de seis corredores que empezou a xestarse a partir dunha ofensiva en tromba do seu equipo ascendendo o alto de Barluquinho, de terceira categorías, sobre o quilómetro 53. Un primeiro pelotón principal con Greipel (Columbia) á cabeza e o líder, Alberto Contador (Astana), chegou a tres minutos. Nel entraron por parte do Xacobeo Galicia David García, Marcos García e José Antonio De Segovia.

  • David García: "Estou satisfeito porque nesta volta fun de menos a máis"
  • José A. De Segovia: "A pesar de vir do BTT, collín algo de medo aos descensos na estrada"
  • Ligazón a Jornal Ciclismo. PELÍCULA CUARTA ETAPA
  • David García

    David García

    No equipo galego houbo unha certa preocupación ao longo de toda a etapa porque Ezequiel Mosquera queixouse dunhas molestias na zona do talón. Tras a revisión pertinente do médico do equipo, a cousa poida que non pase a maiores, aínda que o ciclista tomarase as súas precaucións nos próximos días.

    Tamén tivo problemas estomacais no transcurso da etapa, Nelson Oliveira, un dos corredores máis activos do equipo galego nesta volta. Gustavo C. Veloso, pola súa banda, comproba que a fractura de clavícula que sufrira atrasou bastante a súa posta a punto; aínda que tamén querería reservar algunhas forzas para probarse na contrarreloxo final.

    Houbo épocas nas que as primeiras carreiras eran de preparación para os líderes. Pero os tempos cambian e no Algarve recollen loureiros ciclistas como Contador ou Greipel, aos que, se non hai contratempos, veremos destacar avanzada a tempada nos escenarios da máxima tradición ciclista. Para iso están tendo que baterse duramente, unha xornada tras outra, cos seus rivais en terreos propicios para as guerrillas e as emboscadas.

    O equipo Radio Shack, liderado por antigos compañeiros de Alberto Contador, atacou con toda a súa artillería, nun intentou de sorprender ao líder da carreira. O pelotón rompeu en varios grupos, para acabar formándose unha fracción de seis por diante: Keisse (QuickStep), Rosseler (Radio Shack), Egoi Martinez (Euskaltel-Euskadi), Delage (Omega Pharma-Lotto), Imanol Erviti (Caisse D'Epargne) e Van Hecke (Topsport Vlaanderen-Mercator).

    Con Erviti como home máis perigoso, a 5-11, o Astana marcou o ritmo na cabeza de carreira, nunha acción de control, pero non de caza. Nos últimos quilómetros foi o equipo Columbia o que buscou a neutralización, pero sen éxito. O grupo de cabeza disputouse o triunfo de etapa, con vitoria para o belga Rosseler, que nos quilómetros finais marchouse en solitario e, facendo gala das súas dotes de contrarrelojista, logrou aguantar o pulso aos compañeiros de escapada.

    A quinta e última etapa da Volta ao Algarve consta dunha contrarreloxo de 17,2 quilómetros entre Lagoa e Portimao. En principio, parece destinada a deparar un duelo entre Contador e Leipheimer pola vitoria final, para a que o ciclista do Astana parte cunha vantaxe de 28 segundos. Aínda que para a vitoria de etapa tamén contarán outros candidatos, como Luís L. Sánchez, Samuel Sánchez ou Kloden, entre outros. Polo Xacobeo Galicia, as bazas serán Veloso, Nelson Oliveira e José A. De Segovia.

    DECLARACIÓNS DE DAVID GARCÍA E DE SEGOVIA
    David García: "Estou satisfeito porque nesta volta fun de menos a máis"
    20 febreiro. A Volta ao Algarve é a primeira competición para David García este ano: "Hoxe, estou satisfeito porque é o cuarto día de carreira e puiden verme por diante en todo momento, a pesar de que a etapa volveu a disputarse a moito ritmo, sobre un percorrido moi duro", comezou dicindo o ciclista do Xacobeo Galicia.

    Coñece o terreo, pero a dureza da carreira resúltalle estraña: "Parece que todos os repeitos que hai no Algarve xuntáronos no percorrido desta carreira. Eu coñezo o terreo de disputar esta volta e outras que se celebran por esta zona, pero nunca subira tantos repeitos xuntos nunha mesma carreira. O percorrido deste ano está sendo especialmente duro", engadiu o ciclista de Marín.

    Aínda así, a valoración que fai é altamente positiva: "A pesar de todo, síntome satisfeito. Estou indo de menos a máis, asimilando ben a competición e é do que se trata". En referencia á etapa comentou: "A escapada foi para diante porque os seis de cabeza eran moi bos rodadores e no pelotón tirou o Astana ata que lle colleu o relevo na cabeza o Columbia, pero o fixo demasiado tarde. Talvez non tivo en conta a dureza do terreo na parte final e apenas conseguiu recortarlles aos fuxidos trinta segundos".

    José A. De Segovia: "A pesar de vir do BTT, collín algo de medo aos descensos na estrada"
    José Antonio De Segovia debutara como profesional co Xacobeo Galicia no Tour de San Luís e acabou a rolda arxentina undécimo. Tras o seu paso pola Challenge de Mallorca, chega ao Algarve onde aprecia que "estase rodando a un ritmo moi alto. Eu sabía que aquí en Europa ía ser distinto ao Tour de San Luís, pero non sei se tanto. Por outra banda, logo dunhas caídas, collín algo de medo nas baixadas e é onde máis tempo estou perdendo. A bicicleta de montaña, de onde veño, proporciona un bo dominio da máquina, pero de todos os xeitos son moi diferentes os descensos en montaña e estrada. As sensacións son distintas, porque sobre asfalto báixase máis rápido".

    Recoñece que está sentindo xa algo de cansazo estes días, aínda que, doutra banda, confesa que acabou a etapa "mellor do que a empezou. Ao principio non me ían as pernas e ata me cheguei a cortar, pero logo recupereime e acabei ben. Agora quero dar o máximo na contrarreloxo final, aínda que non chego no mellor momento, pero quero coller referencias para próximas carreiras sobre a distancia á que estou dos meus rivais", comenta o abulense, con présas por tomarlle a medida ao campo profesional.


    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?