Novas
VOLTA AO ALGARVE: CONTADOR REPITE VITORIA
O xacobeo Galicia, sen opcións de disputar pero na liña de progreso marcada
[ 21/02/2010 ] Nelson Oliveira foi o mellor corredor do Xacobeo Galicia na contrarreloxo que pechou a trinta e seis edición da Volta ao Algarve, na vixésimo sétima posición. A nova promesa portuguesa volveu deixar escintileos de calidade, a pesar de que como el mesmo comentaba, non chegou a esta última xornada nas mellores condicións. Na parte alta da clasificación, Alberto Contador (Astana) saíu airoso do seu duelo con Levi Leipheimer (Radio Shack) e levou o triunfo final na rolda portuguesa por segundo ano consecutivo.
Gustavo C. Veloso: "Aínda non estou ben, pero podo chegar ao mellor nivel a Cataluña"
Nelson Oliveira: "A miña idea era facer mellor crono, pero a gastroenterite quitoume forzas"
Ligazón a Jornal Ciclismo. CRONO FINAL EN DIRECTO ON LINE

Gustavo C. Veloso
O mellor tempo no traxecto cronometrado de 17,2 quilómetros entre Lagoa e Portimao foi para Luís León Sánchez (Caisse D ´Epargne), quen se anotou a última vitoria parcial e ascendeu ao segundo posto na xeral final, logo de investir no percorrido trece segundos menos que Contador, segundo na etapa. Leipheimer, cuarto, empregaba nove segundos máis que o ciclista do Astana. Terceiro era Rosseler, gañador da cuarta etapa.
Por parte do Xacobeo Galicia hai que incidir nos chispazos de calidade apuntados por Oliveira, quedándose a 1-22 do tempo do vencedor, logo de sufrir uns problemas gástricos na cuarta etapa. José Antonio De Segovia foi o segundo corredor do equipo galego e David García o terceiro.
Dous ciclistas que se atopan en situacións opostas. O abulense busca un descanso logo dun bo comezo de tempada e de encadear tres voltas, mentres que David García iniciou a tempada no Algarve e viu como cada día o seu rendemento ía a máis.
Ezequiel Mosquera, non tomou a saída
Ezequiel Mosquera, pola súa banda, non tomou a saída na última etapa, logo de espertarse coas mesmas molestias no talón que dificultaran o seu pedaleo no transcurso da cuarta etapa. "Esta última era unha xornada sen obxectivos para el, e disputar a crono puidera agravar a situación, por iso consideramos que era mellor que non tomase a saída", comentou un Jesús Blanco Villar previsor, que estivo á fronte do equipo nas tres últimas etapas.
Ao equipo en xeral veúselle aínda un pouco curto de forma, pero entra dentro da lóxica que impón o calendario co paréntese competitivo longo que se lle abre agora ata ao Volta a Cataluña, interrompido só pola Clásica de Almería. É a partir da rolda catalá onde os técnicos queren que o equipo dea o seu mellor nivel da primeira parte da tempada.
DECLARACIÓNS
Gustavo C. Veloso: "Aínda non estou ben, pero podo chegar ao mellor nivel a Cataluña"
21 febreiro. O ciclista do Xacobeo Galicia Gustavo C. Veloso viu atrasada a súa posta a punto por unha fractura de clavícula a finais de decembro e trata agora de recuperar o tempo perdido.
"Veume ben correr seguido en Mallorca e o Algarve porque vexo síntomas de melloría. A miña idea segue sendo estar ao mellor nivel para a Volta a Cataluña, aínda que me vai faltar algunha carreira intermedia para afinar a posta a punto. Cando gañei no 2008, correra previamente as voltas á Rioxa e Turquía. Con traballo, espero chegar ao cento por cento para Cataluña; pero se non é así, esa carreira creo que acabará dándome a forma para as seguintes", comentou.
"Na contrarreloxo de hoxe saín coa intención de probar, pero me equivocaron dúas veces no percorrido, tanto é así que ao que saíu diante de min dobreino tres veces, e ao final xa me descentrei. A volta foi moi dura. Sen grandes portos, a base de repeitos continuos superamos desniveis de 3.700 e 3.500 metros nas etapas segunda e terceira. Iamos todos os días facendo series, e aínda que se fai duro, tamén é certo que acaba dando un punto de forma", engadiu finalmente.
Nelson Oliveira: "A miña idea era facer mellor crono, pero a gastroenterite quitoume forzas"
Nelson Oliveira, subcampión do Mundo sub 23 de contrarreloxo, estreouse como profesional co Xacobeo Galicia na Volta ao Algarve. "Hoxe atopeime máis ou menos. Logo da gastroenterite do día anterior, non de todo superada, perdera moito líquido, as pernas non me ían e faltábanme tamén algo de forzas. Por ese lado, estou contento co tempo realizado na contrarreloxo da miña primeira carreira como profesional. Pero a miña mentalidade era para facelo mellor, porque preparara ben esta carreira", comentou o novo ciclista portugués.
"A volta tiña un nivel de participación moi alto e iso motívame máis, porque ata o cuarto día atopeime ben no pelotón. Na terceira etapa metinme na fuga, pensando en que se vise a camisola do Xacobeo Galicia e nunha remota posibilidade de que puidese chegar. Pero como se puxo a tirar enseguida o equipo Astana, non tivemos ningunha opción. En xeral, saio satisfeito da carreira", acabou dicindo.
PREVIA
A Volta ao Algarve péchase cunha contrarreloxo de 17,2 quilómetros. O Xacobeo Galicia presentará tres bos especialistas nesta modalidade: Veloso, De Segovia e Nelsol Oliveira. A etapa sevirá para ver o estado de forma en que se atopan cada un deles.
Por outra banda, prevese un interesante duelo polo triunfo final entre Alberto Contador e Leipheimer, separados por 28 segundos na xeral; e con Tiago Machado, como mestre de cerimonias, a 15 segundos do liderado.