Novas

TRES DÍAS DE DESCANSO POR MOLESTIAS NUN TALÓN

Ezequiel Mosquera: "Irei á Clásica de Almería e manteño a ilusión por correr o Giro"

[ 23/02/2010 ] Ezequiel Mosquera, retirado na última etapa da Volta ao Algarve por unhas molestias no talón de Aquiles, que se estaban "convertendo en dor", quere estar o vindeiro domingo na Clásica de Almería. "Apetéceme correla e creo que con estes dous días de descanso que lle estou dando ao talón será suficiente", indicou o ciclista do Xacobeo Galicia.

Ezequiel Mosquera

Ezequiel Mosquera

"O problema puido vir derivado da choiva, o frío e o cambio de calas nas zapatillas, porque eu non adoito sufrir de tendinites. A Volta ao Algarve este ano tivo un percorrido moi duro e, por enriba, o tempo non acompañou. Era a miña primeira carreira da tempada e un dos días sorprendéronme de saída na cola. Arrincamos a mil por hora, fun moito tempo no látego e "tuerca" e acabei empezando a notar molestias. Na contrarreloxo final, por precaución, xa non tomei a saída. Así que co descanso destes días, penso que estarei ben para o domingo en Almería", dixo, convencido.

"Iso de ir ás carreiras a coller a forma pasou á historia"
A conclusión que saca, tras a súa estrea este ano na Volta ao Algarve, é que "iso de ir ás carreiras a coller a forma xa pasou á historia. Houbo un tempo en que nesta carreira portuguesa, quitando momentos moi puntuais, íase relativamente tranquilo. Nesta edición foi unha tolemia. Xente como Contador, Samuel Sánchez ou Leipheimer están xa a un nivel impresionante. Pero recordo, ademais, que acabei a tempada na Volta a Chihuahua e alí tamén se corría moito", segue dicindo o ciclista do Xacobeo Galicia.

"Eu quixen empezar un pouco máis tranquilo, porque no espazo dun mes temos o calendario moi despexado e despois veñen carreiras moi importantes como Cataluña, Volta a Castela e León e Volta ao País Vasco, entre outras; aínda que non teño claro cales farei", apuntou, tamén.

Seguindo co calendario, "faríame ilusión poder correr o Giro, pero de momento é só unha ilusión, porque non sabemos nada da invitación. Se imos ir gustaríame sabelo canto antes, para mentalizarme ben, porque é unha carreira moi esixente que requira unha predisposición total. Se non nos invitan ao Giro, a formulación sería distinta", engade Ezequiel Mosquera.

O ciclista do Xacobeo Galicia, clasificado entre os cinco mellores nas tres últimas edicións da Volta a España, ocupábase en axustar as zapatillas de correr. "Agora, cóllesme aliñando as calas das zapatillas, precisamente para previr esas molestias", comentou no momento da conversación.

"Hoxe (luns) non adestrarei. Subinme ao rodete, pero sen resistencia, simplemente para aliñar as calas. Mañá tamén descansarei e con iso creo que será suficiente", declara finalmente.

Deixamos a Ezequiel Mosquera nesas tarefas case de bricolaxe que tanto lle gustan e na que está considerado todo un experto. "Moitos dos mobles da miña casa fíxenos eu, e tamén botei o parqué", confesounos nunha ocasión anterior.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?