Novas

O XACOBEO GALICIA DISPUTA MAÑÁ A CLÁSICA DE ALMERÍA

José Ángel Vidal: "A nosa intención é non pasar desapercibidos en carreira"

[ 27/02/2010 ] O Xacobeo Galicia desprazouse á Clásica de Almería co ánimo de repetir unha boa actuación na carreira andaluza, cuxa edición de 2007 figura no palmarés de Eduard Vorganov, ciclista do equipo galego por aquel entón e ata finais do pasado ano. En xeral, o Xacobeo Galicia sempre deixou constancia da súa presenza nesta proba, ben cunha participación moi activa en fugas, ben coa consecución de premios secundarios, como as metas volantes gañadas o ano pasado por Serafín Martínez.

Serafín Martínez

Serafín Martínez

O percorrido "é un clásico, con lixeiras variantes, que non afectan no substancial. Este ano a carreira comeza e acaba en Almería capital, pero conserva unhas características, en principio, favorables para unha chegada masiva. Neste sentido, nós non poderemos contar coa baza de Francisco Pacheco, o noso corredor máis rápido, pero haberá que buscar outras alternativas", declarou, José Ángel Vidal.

O director deportivo do equipo galego pensa que esas variantes a unha chegada masiva puideran producirse máis pola "acción do vento que polos efectos da montaña. Esta non é demasiado relevante e atópase a unha distancia considerable de meta. O vento podería romper a carreira. En todo caso, haberá equipos interesados en non esperar ao sprint. Non sei o que poderemos facer, pero imos intentar non pasar desapercibidos en carreira", sentenciou, finalmente o director deportivo do Xacobeo Galicia na Clásica de Almería.

O equipo galego viaxou á primeira hora desta mañá do sábado en avión ata Madrid e seguiu camiño por estrada ata Almería, onde chegou ao redor da unha e media da tarde. A carreira disputarase sobre 178,2 quilómetros, con saída ás 12.15 horas; estando prevista a chegada pasadas as catro e media da tarde.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?