Novas

CUBRIRÁ SEISCENTOS QUILÓMETROS EN TRES ETAPAS

O Xacobeo Galicia inicia mañá en Lisboa o Camiño de Santiago pola ruta portuguesa

[ 08/03/2010 ] O Xacobeo Galicia parte hoxe para Lisboa coa intención de cubrir a ruta portuguesa do Camiño de Santiago entre a capital de Portugal e a cidade do Apóstolo en tres etapas, superando unha distancia de 595 quilómetros. Con esta actividade o equipo profesional galego quere, por unha banda, promocionar o itinerario peregrino que chega a Compostela desde terras lusas, e por outro, realizar un adestramento colectivo e reforzar a cohesión entre os ciclistas como preparación para o importante bloque de carreiras de primavera que se lle presenta.

O Xacobeo Galicia en Santiago

O Xacobeo Galicia en Santiago

Na chegada a Lisboa o Xacobeo Galicia será recibido no Centro Galego - Casa da Xuventude de Galicia en Lisboa. A primeira etapa sairá precisamente dende a sede desta entidade mañá martes ás once da mañá (hora local) para chegar ata Curia, logo de percorrer 225 quilómetros.

A segunda etapa, a celebrar o mércores 10, concluirá en Ponche de Lima, tras cubrir 184 quilómetros, con saída desde Curia ás 10.30 hora de Portugal. Na terceira e última, cun percorrido de 186 quilómetros seguindo a ruta da costa dentro da provincia de Pontevedra, o equipo ciclista ten previsto chegar á Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.

Esta etapa sairá o xoves día 11 desde Ponte de Lima ás 9.00 hora española (10.00 hora de Portugal). O paso pola fronteira en Goian está previsto para as 10.00, e os seguintes horarios de paso serán: Baiona (11.00), Vigo (11.45), Pontevedra (12.45), Padrón (15.15) e Santiago (16.00).

Apertura da ruta peregrina portuguesa para 2010
Esta actividade do Xacobeo Galicia pola ruta do Camiño Portugués, tras un inverno moi chuvioso, vén establecer dalgún xeito a apertura da ruta peregrina portuguesa para 2010. Un itinerario cheo de alicientes históricos, paisaxísticos e culturais, situado entre dous polos de extraordinario atractivo como son Lisboa e Santiago de Compostela.

No deportivo, o equipo profesional galego tampouco se esquece do momento da tempada en que se atopa, ás portas dun bloque de grandes competicións, que se abre coa Volta a Cataluña, carreira de categoría Pro Tour, e tres clásicas no norte de Europa, na estrea do equipo galego neste tipo de competicións nos seus catro anos de existencia.

Adestramento colectivo
Por ese motivo, este percorrido do Camiño entre Lisboa e Santiago foi planificado como un adestramento colectivo de calidade. A proba máis evidente diso é que os ciclistas recibirán o apoio de autobús, camión de equipo, masaxista e mecánicos, coma se dunha competición tratásese.

Os ciclistas que tomará parte neste percorrido son: Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo C. Veloso, Carlos Castaño, Gustavo Domínguez, Gonzalo Rabuñal, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Gustavo Rodríguez, Rodrigo García, Francisco J. Pacheco, José Antonio De Segovia e Nelson Oliveira.

Estará en definitiva o cadro de ciclistas ao completo, coas excepcións de Serafín Martínez, Marcos García e Alberto Fernández. Os dous primeiros atópanse realizando adestramentos en altitude e Alberto Fernández será baixa nesta actividade, en previsión das molestias que ten nun xeonllo.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?