Novas

PRIMEIRA ETAPA: 225 QUILÓMETROS ATA CURIA

Cálida acollida no Centro Galego-Xuventude de Galicia en Lisboa

[ 09/03/2010 ] O equipo Xacobeo Galicia chegou a Lisboa inmerso nunha borrasca que non tiña nada que envexar ás mellores de Galicia. Acolleunos pouco despois de pasar Porto. A choiva caía tan copiosamente, a auga escorregaban con tal abundancia polos cristais e a contorna era tan uniformemente gris, que daba a impresión de que viaxabamos nun submarino. O termómetro tamén foi baixando desde a suave temperatura que deixaramos en Galicia ata uns desapracibles cinco graos.

  • Fotos no Centro Galego de Lisboa
  • Foto no Centro Galego de Lisboa

    Foto no Centro Galego de Lisboa

    Todo quedou compensado coa cálida acollida que nos dispensaron no Centro Galego-Xuventude de Galicia en Lisboa. A sede, magnificamente situada na zona histórica da capital, ofrece unha espectacular vista cara ao Barrio Alto lisboeta.

    A construción é un palacete, unha fermosa casa señorial de mediados do século XVIII, doada ao Centro Galego en 1988 por Manuel Boullosa, un galego de Caritel (A Lama), na provincia de Pontevedra.

    Segundo nos conta Miguel Seco, presidente do Centro Galego, o benefactor chegou a ser unha das máis grandes fortunas do mundo, a través dos seus negocios na industria do petróleo.

    Hoxe o Centro Galego ofrece múltiples actividades culturais e didácticas, para tratar de "sosterse economicamente", porque unha sede tan espléndida, como contraposición, "ten elevados custos de mantemento", continúa explicando o presidente da sociedade.

    Ás once da mañá (hora local) de hoxe, xa martes, o equipo Xacobeo Galicia sairá desde a sede do Centro Galego para cubrir a primeira etapa ata Termas da Curia, de 225 quilómetros. Na charla que mantivemos cos membros da xunta directiva, saíu o comentario de que non sería mala idea establecer neste punto de partida o Quilómetro Cero do percorrido do Camiño de Santiago pola ruta portuguesa que comeza en Lisboa.

    Os prognósticos do tempo para a etapa fan referencia a chuvascos, máis dispersos a medida que nos diriximos cara ao norte. Confiamos en poder escapar da choiva, especialmente logo do que leva caído ata entrada a madrugada.

    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?