Novas
A ÚLTIMA ETAPA SEGUIRÁ O ITINERARIO DA COSTA
O Xacobeo Galicia, a unha xornada de completar o Camiño de Santiago entre Lisboa e Compostela
[ 10/03/2010 ] O Xacobeo Galicia cubriu a segunda etapa do Camiño de Santiago pola ruta portuguesa entre as localidades lusas de Curia e Ponte de Lima e queda a escasamente douscentos quilómetros do seu obxectivo final, a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela, logo de partir o martes desde Lisboa.
Fotos segunda etapa
Rutómetro última etapa

Paso por Agueda
Os ciclistas rodaron agrupados todo o tempo e completaron a xornada sen grandes novidades nun día asollado e boa temperatura. Aínda que ao final, escapando das vías de máis densidade de tráfico, acabaron cubrindo uns corenta quilómetros máis dos previstos, para acumulara uns douscentos trinta.
No deportivo, a experiencia busca que os ciclistas realicen un traballo de fondo para despois complementalo con adestramentos específicos, en vésperas do importante calendario de primavera que se lles aveciña; pero, sobre todo, con esta iniciativa preténdese reforzar a cohesión do grupo, esencial para lograr os obxectivos.
O outro fin que persegue este percorrido en vésperas da entrada da primavera é promocionar a ruta portuguesa, cun potencial enorme a pouco que se dote da infraestrutura indispensable, dados os seus moitos atractivos culturais e paisaxísticos e tamén o fondo significado que desde o punto de vista relixioso ofrecen a localidade de Fátima e Santiago de Compostela.
Profundando nesa faceta promocional o equipo Xacobeo Galicia fará o traxecto da última etapa seguindo o itinerario da costa desde a fronteira ata a localidade de Redondela, pasando por Baiona e Vigo. Un itinerario de alto interese para o camiñante, calquera que sexa tamén o motivo polo que decida pórse en marcha.
A última etapa iniciarase ás nove da mañá, hora española. O Xacobeo Galicia ten previsto cruzar a fronteira por Goian (O Rosal-Pontevedra) contorna ás dez da mañá. Nese punto os ciclistas do equipo profesional galego recibirán a compañía de amateurs galegos, que os acompañarán no traxecto ata Santiago, onde está previsto chegar sobre as catro da tarde.