Novas
CICLISTAS DO EQUIPO GALEGO NO ‘DÍA MUNDIAL DO GLAUCOMA’
O Xacobeo Galicia concluíu o Camiño de Portugués desde Lisboa, sorprendido polos seus atractivos
[ 11/03/2010 ] O Xacobeo Galicia deu por pechado o seu percorrido pola ruta portuguesa do Camiño de Santiago logo de cubrir a terceira e última etapa entre Ponte de Lima e Santiago de Compostela, seguindo o itinerario pontevedrés da costa cun percorrido duns douscentos quilómetros. E desde a saída o pasado martes desde Lisboa os ciclistas acumularon máis de seiscentos nesta ruta do sur.
Fotos Camiño Portugués: etapa final

Culminación del Camino Portugués
Esta era a segunda ruta que emprendían os integrantes do Xacobeo Galicia sobre o Camiño de Santiago. A anterior foi a francesa, con varias experiencias, unha delas completa desde Navarra. A outra diferenza esencial entre os dous percorridos, ademais do itinerario, foi a bicicleta empregada. Na ocasión anterior os corredores utilizaron a de montaña e nesta a de estrada, pola altura da tempada na que se atopan.
En dez días o equipo profesional galego inicia un ambicioso calendario de primavera, que antes de acabar o mes inclúe tres clásicas en Holanda e a Volta a Cataluña. Esta nova incursión no Camiño de Santiago tiña, en consecuencia, un forte compoñente deportivo.
David García sinalou que a actividade "serviu para afinar o peso. Con sete horas diarias encima da bicicleta, perdes peso", dixo, rotundo. Hoxe seguramente perderon un pouco máis, porque o terreo á saída da bela localidade de Ponte de Lima era bastante accidentado, e no tramo final os corredores tamén se empregaron con máis intensidade. Coñecían o terreo e non tiña que dubidar en cada rotonda a dirección a seguir.
Ezequiel Mosquera valorou moi positivamente tamén esta experiencia. "A min este tipo de actividades gústanme. Permiten saírse da rutina diaria do adestramento e estar cos compañeiros dun xeito distendido, sen a tensión que xera a competición. O percorrido é moi bonito e facelo en bicicleta de estrada tamén ten os seus alicientes. O peor, o tráfico denso de moitos tramos de estradas", comentou.
Agora espera completar o traballo destes días cun adestramento máis específico e poder chegar a un bo nivel á Volta a Cataluña. "Non sei cal será a medida exacta que poida dar na carreira catalá, pero máis ca exporme como obxectivo esta carreira concreta, marco como tal o conxunto de volta a Cataluña, País Vasco e Castela e León", engadiu.
A diferenza do Camiño Francés, e a pesar da experiencia dalgúns ciclistas do Xacobeo Galicia no ciclismo portugués, esta ruta acabou sorprendendo a todos polos seus múltiples atractivos e pode ter moito futuro a pouco que sexa dotada dunha mínima infraestrutura.
O Xacobeo Galicia colaborará no Día Mundial do Glaucoma
Recentemente chegados do Camiño de Santiago, mañá venres, varios ciclistas do Xacobeo Galicia colaborarán coa Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma participando nalgúns dos actos que a entidade ten previsto celebrar en Vigo. Entre eles cóntase unha marcha ciclista simbólica en bicicleta desde o Concello ata a Gran Vía, onde se centralizarán a maior parte dos actos.